14/4/07

Relectura do Perfume

O perfume. Historia dun asasino
PATRICK SÜSKIND
Tradución de LUÍS FERNÁNDEZ RODRÍGUEZ
Sotelo Blanco Edicións, Col. Medusa. Santiago de Compostela, 2006




Comezar a ler este best-seller permanente, agora por primeira vez en galego, segue a producir o mesmo efecto entre o noxo olfactivo e a atracción literaria que cando se publicou por primeira vez hai máis de vinte anos. Os cheiros do mercado do peixe onde malparen ao abominable Jean-Baptiste Grenouille, nunha "época abundante en figuras xeniais e abominables", seguen impregnándonos ao longo da obra do mesmo xeito que arrepían os seus asasinatos.

A busca por medios criminais do perfume absoluto explícase cando se une á palabra amor, que aparece poucas veces na obra pero ofrece ao lector un cabo ao que agarrarse:

O olor do home resultáballe en si mesmo indiferente. O olor do home podía imitalo perfectamente, enriquecéndoo con sucedáneos. O que cobizaba era o olor de certos homes; isto é, aqueles rarísimos homes que inspiraban amor. Estes eran as súas vítimas.

Grenouille, o ser sen cheiro propio, será consciente de que malia conseguir o seu arrencedo nunca coñecerá o amor como tampouco nunca poderá ulir coma un ser humano. Ao final, regresará para morrer ao lugar onde naceu.

Amor é a derradeira palabra da novela.

5/4/07

Ollada apache sobre o vello e o novo

Gerónimo. Unha autobiografía
Recollida por S.M. Barrett
ONOFRE SABATÉ (tradutor)
Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 1994

Edición electrónica, orixinal en inglés: Geronimo´s Story of His Life



Ao seu xeito, estas memorias ofrecen a visión do ancián que contempla a fin da súa vida unida ao esmorecemento da súa tribo como pobo, no sentido máis amplo: lingua, cultura, costumes, relixión...

Estamos desaparecendo da face da terra, pero aínda así non podo crer que sexamos inútiles, senón Usen (Deus) non nos crearía. El creou todas as tribos de homes, e certamente tiña un obxectivo bo ao crear cada unha.

Mesmo as palabras do vello Gerónimo ou na súa lingua Gojleyé ou Go Khlä yeh ("Un ao que se lle abre a boca"), que está claro pertence á cultura da oralidade, son traducidas por un intérprete apache a un escritor branco que logo as redacta en inglés. Na versión galega soan ben as expresións tradicionais como "A nosa leira abranguía dezanove ferrados. O campo nunca estaba choído" mesturadas cos préstamos apaches necesarios.
Por outra banda, o contexto social e político orientan principalmente o relato cara ao coñecemento do guerreiro salientando os episodios violentos do protagonista, naquel momento prisioneiro de guerra e desterrado nunha reserva india. Por riba dos prexuízos da época que tenta ofrecer a idea dun ser tan agresivo coma ignorante e incapaz de entender a civilización, o lector atento descubrirá a intelixencia de quen se sabe derrotado por traizóns e razóns de Estado.
En moitas ocasións as súas palabras de hai cen anos lense como un debate de permanente actualidade entre o vello e o novo.
Entón os membros da tribo colléronse das mans, formando unha roda, e danzaron ao redor do lume por moito tempo. Todos os amigos da tribo foron convidados a participar desta danza, e cando terminou moitos dos vellos foron deitarse; entón comezou a "danza dos namorados".
(...)
Tal vez eu nunca máis teña a oportunidade de reunir a nosa xente para bailar, pero esas danzas sociais ao luar dábannos moito pracer no pasado, e creo que non van deixar de existir tan cedo; polo menos espero que non.