25/4/08

Portugal para nós

Hoxe, 25 de abril, a biblioteca converteuse en sala de cine e orientamos a pantalla cara a Portugal. O 1º Ciclo de Cinema Português tróuxonos a proxección en versión orixinal do filme Adeus, pai!, do director Luís Filipe Rocha.

Ao remate, case sen tempo para falarmos do filme (ver comentario de profedelengua), pedimos apuradamente unha resposta á cuestión Que é para ti Portugal? A palabra máis empregada foi esa na que todos estamos a pensar: veciños. Pero na relación de veciñanza destas terras da raia atopamos moitas visións, desde o prexuízo á familiaridade. Lembramos que unha significativa porcentaxe do noso alumnado ten orixe familiar lusitana. Todo isto e máis é Portugal para nós:


Ese veciño que ves ao abrir a ventá da túa casa.

Gústanme moito os monumentos que teñen de épocas pasadas.

Portugal é un país triste.

Portugal é un lugar para viaxar e divertirse.

Eu non o considero outro país, senón que o vexo como unha parte de Galiza, unha parte que podemos visitar sempre. Para min é algo simbólico e precioso.

Portugal é un país con costumes antigos. M
anteñen o pasado no seu presente.

Um país bom!!!

Non me gusta como conducen.

Portugal é a terra do cariño.

Fermosa terra, pero supoño que tamén terá lugares feos.

Un pobo veciño, que consideramos estranxeiro, cun idioma diferente, pero á mesma vez parecido ao galego. É fácil entendernos.

Onde imos ir de excursión de fin de curso.


A terra dos meus primos.

Para min é o pobo natal da miña nai. Sen Portugal eu non sería a persoa que son. A vida éche así.

Un país pegado ao meu.

O meu país.

24/4/08

Novo dicionario de galego na rede

A editorial Ir Indo acaba de pór na rede unha versión electrónica do seu dicionario galego. Ofrece 65.000 entradas con todas as modificacións das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do ano 2003. Nisto supera xa ao mesmo dicionario en rede da Consellería aínda sen actualizar. Pero tamén ofrece a etimoloxía e a equivalencia en castelán, portugués e inglés. No futuro deberá incorporar sinónimos, antónimos e frases feitas.
Próbao neste enlace: Dicionario Ir Indo

Ademais, coa tecnoloxía wap, pódese consultar no móbil.

Outros dicionarios de galego na rede:
Consellería de Educación-RAE
Diccionario electrónico Estraviz

23/4/08

La GaZeta de TerZero (nº. 2)

Xa está á venda o número 2 da GaZeta de TerZero. Imprescindible para enterarse do mellor que se coce este ano polo Castro de Baronceli. Un xornal con todo de nós e do mundo. Con todos os xéneros informativos (noticias, reportaxe, entrevista), xéneros de opinión e publicidade. Páxinas especiais dedicadas ao porco (a matanza, encontro con veterinarios, arte, receitas...) e unha contraportada mítica. Un gran traballo do alumnado de terceiro coa dirección do profedelengua.
TODO POR SÓ 1 EURO!!!


Tamén dispoñible, por suposto, na biblioteca.

22/4/08

Cidade da Auga


Solicitan desde o Concello que fagamos promoción do novo banner publicitario para espallar polo ciberespazo a imaxe do municipio. Podemos incluílo en todas as páxinas web e empregalo ademais na sinatura dos nosos correos electrónicos. Para máis información, na páxina http://www.verin.es/

9/4/08

Carta ao profesorado

Amigo lector invisible:

Se formas parte deste claustro, queremos regalarche un
libro. Se non estás interesado en recibir o teu agasallo,
non sigas lendo.

O 23 de abril persoas de todo o mundo adoitan regalar
"conxuntos de moitas follas de papel ou outro material
semellante que, encadernadas, forman un volume” (DRAE).
Se non estás interesado en regalar un libro, non sigas lendo.

Se desexas participar no cruce de libros co sistema do amigo
invisible entre o profesorado e persoal non docente do
centro, só tes que te apuntar antes da próxima semana na
Sala de Profesores.

Grazas por seguir lendo.

Atentamente,

G.T.B.

P.D.: O sorteo realizarase o martes, 16 de abril,
e os libros entregaranse durante o recreo do 23 de abril.

8/4/08

Xogo de historias na noite de San Xoán

O dado de lume

AUTORA: Milagros Oya
Ilustracións interiores: Francisco Bueno
Edebé-Rodeira
LOCALIZACIÓN: 821/DAD/oya

Os protagonistas deste libro teñen unha peculiar forma de celebrar a noite de San Xoán. Son seis amigos e a cada un correspóndelles un número do dado. A quen lle toque ten que contar unha historia. A min encantoume o relato de Heine, unha rapaza alemá e mestra de cerimonia no xogo.

Recoméndollelo ás persoas que lles gusten as historias de medo con pantasmas, pero tamén melancólicos que nos fan recordar algúns anos da nosa infancia.

MANOLI O. F.

4/4/08

Futuro perigoso

Perigo vexetal

AUTOR: Ramón Caride
ILUSTRACIÓNS: Miguelanxo Prado
Edicións Xerais de Galicia

O futuro ficticio que conta este libro parece de verdade. Os protagonistas, Said e Sheila, son rapaces novos que se comportan como auténticos adultos e investigadores. Os dous realizan ademais un traballo de deseñadores de alfombras e sempre están atarefados. O libro gustoume por todo iso. Recomendaríallo ler a aquela xente que queira imaxinar o que pasará no futuro.
Despídome como o libro:

"¡Así que eu tamén vos deixo porque o traballo reclámame! ¡Apertas!"

XAIME D. G.

1/4/08

Mes de concursos

Con fin de fomentar a creatividade literaria dos estudantes dos centros de ensino da comarca, o Concello de Verín convoca os seguintes concursos:

  • “Certame de Relato Curto Antonio Fernández Pérez
    Ver as bases

  • “Certame de Poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez
    Ver as bases


Lembramos, ademais, que o Departamento de Plástica e a Biblioteca teñen en marcha o Concurso de Marcapáxinas (Bases).