29/1/07

Sari, soñador de mares


MARCOS S. CALVEIRO.
Blog do autor: Alfaias
Tambre (Col. Catavento nº.15), Vigo, 2006. 85 páx.
ISBN. 84-88681-49-6
Maiores de 14 anos.



Comeza este relato no ronsel deixado polo Sinbad de Cunqueiro. As derradeiras palabras de Se o vello Sinbad volvese ás illas son a cita inicial deste Sari, soñador de mares: "No mar hai que estar sempre como en visita". Mais logo cada un ten derrotas diferentes e o que conta neste caso é a viaxe do fiel rapaz ao servizo do mariño. Unha viaxe que Sari emprende coma un Telémaco á procura do pai pois coa fuxida ás agachadas de Simbad ficou orfo por segunda vez. Só lle quedou a Sari un estoxo coas codias secas de laranxa (Cfr. Sinbad de Cunqueiro) e un pergamiño na librería do xudeu Ismael.

O pergamiño tiña gravado o mapa dunhas illas, pero sen un só nome, nin país, nin río, nin unha costa próxima que as identificase. Nun recuncho, un rumbo e unha frase que recoñeceu da man do seu amo. Sari pediulle a Ismael que lle lese as letras que lle puxera Simbad.
--Os mares que soñes, navegarás --díxolle o libreiro de Xudea.
--¿E iso que quere dicir? --retrousou o neno-- Outro maldito proverbio sen sentido.
--Ti saberás, son cousas túas e do teu fuxido amo. Pero se non o comprendes, non
mereces explicación ningunha.

A mensaxe é unha invitación a seguir lendo esta obra ata o final, ata a Estrema do Mar, e saber que aínda que atopemos a Simbad nas illas Cotovías ("Sete illas coñecidas só por aqueles que as soñan") non son a final da viaxe de Sari... nin da nosa.
Lectura xuvenil para reflexivos e soñadores.

No hay comentarios: