23.6.08

Ler no verán, tamén che é san (Biblioboletín nº.1)

Se aínda non o tes, podes recoller o primeiro biblioboletín para este verán. Na biblioteca atoparás os libros recomendados e moitos máis en préstamo para unhas boas vacacións.

Os máis emprestados durante o curso 2007-2008
Libros
- JONH STEINBECK, A perla
- A. SÁNCHEZ AGUILAR,
La leyenda del Cid
- ÁGHATA CHRISTIE, Pano
- MARINA MAYORAL,
Tristes armas
- ANDREU MARTÍN,
El diario rojo de Flanagan
- LEDICIA COSTAS,
Unha estrela no vento
- GOSCINNYI e UDERZO, Astérix en Hispania
- SOMMER-BODENBURG,
El pequeño vampiro en peligro
- GEMMA LIENAS,
El diario violeta de Carlota
- A. FERNÁNDEZ PAZ, Aire negro
- RICHARD BACH,
Juan Salvador Gaviota
- EDGAR ALLAN POE, El escarabajo de oro
- JACK LONDON,
A chamada da selva
- JORDI SIERRA,
3l 4s3s1n4t0 d3l pr0f3s0r d3 m4t3m4t1c4S
- ELIZABETH ANN MOORE, Pirates!

DVD
- La novia cadáver
- Las mujeres de verdad tienen curvas
- Heroína
- El bosque animado
- Creepshow 2
- Amelie
- Batuka (varios)
- Cinema paradiso
- El secreto de los hermanos Grimm
- O lapis do carpinteiro


29.5.08

Concurso de marcapáxinas


Pouco a pouco iremos engadindo a maioría dos marcapáxinas.

25.5.08

Haikús das estacións

Haikús escritos por ISMAEL PALANCA TORO (4º. ESO), primeiro premio no certame de poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez do Concello de Verín.


Imaxes con licenza CreativeCommons (1, 2, 3 e 4)

20.5.08

I Romaría Popular das Letras Galegas (19 de maio)


Conecta o son para escoitar as Cantadeiras do Baronceli.

Cumpriuse o obxectivo de xuntar por unha vez a toda a comunidade educativa nunha actividade festiva, sen perder de vista o sentido cultural da celebración das Letras Galegas. Alumnos, profesores, pais, persoal non docente e representación municipal cumprimos o programa previsto.

O alumnado foi o principal protagonista. Vaia o noso aplauso a todos eses voluntarios/as que se apuntaron a ensaiar durante os recreos para cantar, bailar, recitar poesía e interpretar teatro. Tamén aos 17 participantes do Concurso de Larpeiradas que puxeron o seu esforzo (e o da súa familia) en adozarnos a xornada. Axiña publicaremos e gardaremos na biblioteca as vosas receitas. Asemade, os resultados do concurso de marcapáxinas merecerán unha próxima análise máis polo miúdo.

O outro portagonista foi para nós, con permiso de Álvarez Blázquez, Xesús Taboada Chivite. Agardamos que a retransmisión radiofónica de Onda Cero-Verín da inauguración da aula que a partir de agora levará o seu nome, fose tan emotiva como en directo. Foi un honor contar no noso instituto coa presenza dos fillos do gran intelectual verinense que nos lembraron o valor que o seu pai lle concedía á formación rigorosa no estudo e á aprendizaxe persoal.

Subscribimos as palabras do profedelengua, que na súa crónica da xornada remata con estas palabras que moito agradecemos:

"Eu, dende logo, apúntome a unha II Romaría Popular agora mesmo, pero o que é
máis importante, apúntome a un instituto que aínda que pequeniño, amosa tanta
vitalidade, creatividade e entusiasmo por facer cousas novas. Un placer
compartir a nacionalidade baronceliana con todos vós."
Ademais da animación anterior coa que inauguramos a nosa canle YouTube, non perdas a reportaxe fotográfica completa (70 fotos de Israel).

15.5.08

Podcast IES Castro de Baronceli

Podcast: emisión radiofónica a través da internet

Os alumnos da materia de Informática de 4º da ESO
veñen de gravar un podcast en inglés sobre os seus
grupos musicais preferidos.

Para escoitar ou descargar os podcast
fai clic no seguinte enlace:
Podcast do IES Castro de Baronceli

Subscribe Free
Add to my Page

14.5.08

A vida nun tarro (Irena Sendler, in memoriam)

Foto: Mariusz Kubik


Onte Antía deu na clase a nova: “Profe, morreu Irena”. Viña en todos os xornais a súa foto de boa persoa, como dixeran cando a coñecemos grazas á presentación que os de Historia colgaran na páxina do departamento.
Irena Sendler salvou a máis de 2.500 nenos xudeus durante a II Guerra Mundial. Rescatábaos do gueto de Varsovia para evitar o seu traslado aos campos de concentración. Empregou todos os medios que tiña ao seu alcance para agachalos: cestos do lixo, sacos de patacas, cadaleitos…. Os pais só formulaban unha pregunta sen resposta: “Podes prometerme que o meu fillo vivirá?”
Non llo contou a ninguén, pero rexistraba a identidade dos cativos e soterraba os papeis en tarros baixo a maceira dun veciño. Ata que foi descuberta polos nazis, torturada e condenada a norte. A sentenza nunca se cumpriu porque un soldado, subornado pola Resistencia que non quería que Irena morrese co segredo dos tarros, a deixou escapar.
Grazas a aqueles tarros baixo a maceira, trala guerra ela mesma localizou os nenos e colocounos con familias adoptivas. Nunca se considerou unha heroína, pero para todos os da clase de 4º.D si. “Un heroe de guerra é unha persoa que, ademais de salvar a súa vida, intenta salvar a dos demais”, escribiu hoxe Antía no seu exame sobre a II Guerra Mundial.






Enlace recomendado: http://irenasendler.org/ para coñecer o proxecto
Life in a Jar do que axiña haberá película.

11.5.08

Maios 2008

Aquí chega o maio
co canto do cuco.
Nós coma sempre
vimos ao instituto.

Vivimos en aldeas
nas que só hai vellos,
somos sete rapaces
en trinta concellos.

As prazas do Concello
cotízanse moi alto,
pero a da biblioteca
deu o gran salto.

Manda o narcotráfico
na vila de Verín,
ata apañaron
un Garda Civil.

O chiki-chiki
vai a Eurovisión
e algúns políticos
van a "comisión".

As coplas dos maios máis "ácidos" dos últimos anos xa se poden baixar da rede en formato pdf. No blog do ENDL pódense ver as fotos da súa elaboración e exposición na Praza do Concello.

(Maios do ano pasado).

7.5.08

Libros nos carteis da II República

Os libros, a lectura e a loita contra o analfabetismo nos carteis da colección do
Arquivo Xeral da Guerra Civil Española.

2.5.08

Día do Ensino na casa de Ruvem Alves

Artigo 7º.- Días non lectivos

3. Ademais dos anteriores, sen prexuízo do establecido no artigo 8º.2. e co fin de unificar a celebración dos patróns de cada nivel educativo, establecese o Día do Ensino coa consideración de non lectivo para os efectos académicos e que no curso 2007/2008 se celebrará o 2 de maio de 2008. (DOG, 16/4/2007)

Á busca de información sobre o motivo que nos permite hoxe, 2 de maio, folgar coa celebración do Día do Ensino, podemos achar unha literatura máis amena que a do Diario Oficial. Se seguimos o fío do buscador de internet alegría+ensinar, imos bater co título dunha obra de Ruvem Alves. Segundo a wikipedia, psicoanalista, educador, teólogo e escritor brasileiro que conta cun espazo propio na rede: A CASA DE RUVEM ALVES.

Que cada quen entre polas portas do Carpe Diem ou o Tempus Fugit, visite o Quarto dos Badulaques, o Quarto da Poesía, a Cozinha ou fique no Jardim. Das súas conversas cos educadores, quedo agora co final do artigo O prazer da leitura:

Ler é fazer amor com as palavras. E essa transa literária se inicia antes que as crianças saibam os nomes das letras. Sem saber ler elas já são sensíveis à beleza. E a missão do professor? Mestre do kama-sutra da leitura...

25.4.08

Portugal para nós

Hoxe, 25 de abril, a biblioteca converteuse en sala de cine e orientamos a pantalla cara a Portugal. O 1º Ciclo de Cinema Português tróuxonos a proxección en versión orixinal do filme Adeus, pai!, do director Luís Filipe Rocha.

Ao remate, case sen tempo para falarmos do filme (ver comentario de profedelengua), pedimos apuradamente unha resposta á cuestión Que é para ti Portugal? A palabra máis empregada foi esa na que todos estamos a pensar: veciños. Pero na relación de veciñanza destas terras da raia atopamos moitas visións, desde o prexuízo á familiaridade. Lembramos que unha significativa porcentaxe do noso alumnado ten orixe familiar lusitana. Todo isto e máis é Portugal para nós:


Ese veciño que ves ao abrir a ventá da túa casa.

Gústanme moito os monumentos que teñen de épocas pasadas.

Portugal é un país triste.

Portugal é un lugar para viaxar e divertirse.

Eu non o considero outro país, senón que o vexo como unha parte de Galiza, unha parte que podemos visitar sempre. Para min é algo simbólico e precioso.

Portugal é un país con costumes antigos. M
anteñen o pasado no seu presente.

Um país bom!!!

Non me gusta como conducen.

Portugal é a terra do cariño.

Fermosa terra, pero supoño que tamén terá lugares feos.

Un pobo veciño, que consideramos estranxeiro, cun idioma diferente, pero á mesma vez parecido ao galego. É fácil entendernos.

Onde imos ir de excursión de fin de curso.


A terra dos meus primos.

Para min é o pobo natal da miña nai. Sen Portugal eu non sería a persoa que son. A vida éche así.

Un país pegado ao meu.

O meu país.

24.4.08

Novo dicionario de galego na rede

A editorial Ir Indo acaba de pór na rede unha versión electrónica do seu dicionario galego. Ofrece 65.000 entradas con todas as modificacións das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do ano 2003. Nisto supera xa ao mesmo dicionario en rede da Consellería aínda sen actualizar. Pero tamén ofrece a etimoloxía e a equivalencia en castelán, portugués e inglés. No futuro deberá incorporar sinónimos, antónimos e frases feitas.
Próbao neste enlace: Dicionario Ir Indo

Ademais, coa tecnoloxía wap, pódese consultar no móbil.

Outros dicionarios de galego na rede:
Consellería de Educación-RAE
Diccionario electrónico Estraviz

23.4.08

La GaZeta de TerZero (nº. 2)

Xa está á venda o número 2 da GaZeta de TerZero. Imprescindible para enterarse do mellor que se coce este ano polo Castro de Baronceli. Un xornal con todo de nós e do mundo. Con todos os xéneros informativos (noticias, reportaxe, entrevista), xéneros de opinión e publicidade. Páxinas especiais dedicadas ao porco (a matanza, encontro con veterinarios, arte, receitas...) e unha contraportada mítica. Un gran traballo do alumnado de terceiro coa dirección do profedelengua.
TODO POR SÓ 1 EURO!!!


Tamén dispoñible, por suposto, na biblioteca.

22.4.08

Cidade da Auga


Solicitan desde o Concello que fagamos promoción do novo banner publicitario para espallar polo ciberespazo a imaxe do municipio. Podemos incluílo en todas as páxinas web e empregalo ademais na sinatura dos nosos correos electrónicos. Para máis información, na páxina http://www.verin.es/

9.4.08

Carta ao profesorado

Amigo lector invisible:

Se formas parte deste claustro, queremos regalarche un
libro. Se non estás interesado en recibir o teu agasallo,
non sigas lendo.

O 23 de abril persoas de todo o mundo adoitan regalar
"conxuntos de moitas follas de papel ou outro material
semellante que, encadernadas, forman un volume” (DRAE).
Se non estás interesado en regalar un libro, non sigas lendo.

Se desexas participar no cruce de libros co sistema do amigo
invisible entre o profesorado e persoal non docente do
centro, só tes que te apuntar antes da próxima semana na
Sala de Profesores.

Grazas por seguir lendo.

Atentamente,

G.T.B.

P.D.: O sorteo realizarase o martes, 16 de abril,
e os libros entregaranse durante o recreo do 23 de abril.

8.4.08

Xogo de historias na noite de San Xoán

O dado de lume

AUTORA: Milagros Oya
Ilustracións interiores: Francisco Bueno
Edebé-Rodeira
LOCALIZACIÓN: 821/DAD/oya

Os protagonistas deste libro teñen unha peculiar forma de celebrar a noite de San Xoán. Son seis amigos e a cada un correspóndelles un número do dado. A quen lle toque ten que contar unha historia. A min encantoume o relato de Heine, unha rapaza alemá e mestra de cerimonia no xogo.

Recoméndollelo ás persoas que lles gusten as historias de medo con pantasmas, pero tamén melancólicos que nos fan recordar algúns anos da nosa infancia.

MANOLI O. F.

Creative Commons License
Baixo licenza Creative Commons.