5/7/07

Baixo o símbolo do armiño

O armiño dorme
XOSÉ A. NEIRA CRUZ
Ed. Galaxia. Col. Costa Oeste. Vigo, 2003

Entrevista co autor
Noticia editorial (Galaxia)
Reseña (Revista Babar)
Ler un capítulo (castelán)


Non son poucos os valores que co tempo se lle están a recoñecer a esta obra de Neira Cruz. Foi un dos dez mellores libros infantís e xuvenís do ano pasado segundo o Banco del Libro de Venezuela e está a ser un dos máis visitados no prestixioso Servicio de Orientación de Lectura.

Ademais da historia de amor ambientada no Renacemento italiano cos Medici de protagonistas. Ademais das referencias culturais explícitas a Dante, Petrarca, Miguelanxo, Leonardo… Ademais da utilización do tópico do Carpe Diem co que tan doadamente conectan os adolescentes. Ademais disto, un dos atractivos principais para a recomendación da súa lectura no ámbito educativo é a introdución do significado dos símbolos.

Desde o propio armiño do título cuxo valor se descobre na novela ata a memorable escena do tarot ou a interpretación do cadro, a obra avísanos de que na vida coma na arte non debemos perdernos o poder dos símbolos. Sabémolo por boca do pintor Agnolo di Cosimo, coñecido polo sobrenome de Bronzino, quen lle explica á xove protagonita Bianca de Medici:
─ Sabiades que hai cadros que encerran misterios, alteza? Enigmas perfectamente tecidos con cada pincelada que só o observador que manexe as claves xustas poderá descifrar. Pero é tamén unha mensaxe ao intelecto.
[…]
Sodes vós quen tedes que atopar a vosa propia explicación, se queredes… Sen esquecer nunca o que xa vos dixen, alteza: os cadros, as obras de arte todas, ofrecen claves certas para entender a vida…, o cal non supón pequeno
traballo.


Mentres isto ocorre na ficción, na realidade este é o sorprendente cadro que como confesa o autor inspira a novela.


No hay comentarios: