31/10/07

Samaín, a noite máis longa


O fato de bruxas

Deiteime unha noite nas meigas pensando
por contos de vellos estar escoitando,
e ó ter un gran medo a cabeza tapei
e con ela tapada, durmido quedei.
E nesto chegaron un fato de bruxas
dicíndome todas: “meu fillo, non fuxas!”
Á beira da cama fixeron un corro
e ó velas en coiro por pouco non morro.
A mor delas todas estaba sentada
no medio do circo moi alomeada.
Alomeábanlle todas con ósos de mortos
e vin que eran todos delgados e tortos.
Así que a mor delas o sebo sacou
dos pés á cabeza meu corpo temblou,
e logo que o sebo partía en anacos
untáronse todas nos mesmos sobacos.
Fóra da mor, todas se untaron
Volvéronse moscas e todas voaron.
Ó verme tan solo coa fera maior
pensei que podía vencela mellor.
Entonces tratei de agarrar unha tranca
pero non me deixou, alongando unha zanca.
Eu, enfurecido, con forza agarreina
e dun sólo golpe no piso tumbeina.
Entón espertei no chan de fuciños
e cheo de medo chamei os veciños,
que alí me atoparon coas ventas sangrando
por contos de vellas estar escoitando.

Recollido en CAMIÑO NOIA, Contos galegos de tradición oral. Editorial Nigra, 2002

No hay comentarios: