25/9/07

Onde morren os libros

Mentres ao noso redor o val de Monterrei chega ás últimas xornadas da vendima, ben merece adiantar a homenaxe que o poeta Álvarez Blázquez recibirá o vindeiro ano coa lectura do poema Acio. Saudades da infancia na estación do outono.

ACIO
¡Cánto dera eu agora por un acio

daqueles que collíamos a furto
das parras encostadas
nas roíñas de Dona Mariquita!

Acios de uvas douradas, brancas, mouras,

ateigadas de zumes e lembranzas,
que unha man silandeira
-a man do tempo-
nos puña cada outono diante os ollos
abertos á cobiza. ¡Ai, Deus, quén dera!

Quén dera agora,
niste van pechado,
onde morren os libros
un pouco a cada intre no meu peito,
un acio… Ben sabedes: ¡unha pinga
de terra feita mel, de terra terra,
nos beizos apertados dun neniño!

E tornar a sentir a leda anguria

aquila que nos daba, cando a noite
viña pousando amodo,
con fuxidías sombras de paxaros,
nas roíñas de Dona Mariquita.

(Isto estou a querer, mentres cavilo
nun cativo que durme
xa pra sempre perdido no meu peito.)

¡Cánto dera eu agora por un acio

que me levase cara o tempo morto!

Xosé Mª. Álvarez Blázquez, Canle segredo

20/9/07

Centenario Taboada Chivite

Cen anos cumpriría este 22 de setembro o arqueólogo, historiador, etnógrafo e ensinante máis ilustre de Verín: Xesús Taboada Chivite (1907-1976). A súa obra como investigador e discípulo da Xeración Nós e máis como divulgador do patrimonio histórico da bisbarra pasou non xa un pouco desapercibida, segundo explica o seu biográfo, senón que é na actualidade de difícil acceso. Porén a súa figura segue a estar presente dun xeito ou outro na memoria das terras de Baronceli.

Escoita a súa voz de hai case corenta anos nunha conferencia do Día das Letras Galegas dedicada aquel ano a Florentino López Cuevillas:

E para recibirmos o outono:

Desde el collado en que se asienta la fortaleza de Monterrey el panorama es espléndido en cualquier estación del año: en la primavera con los mil matices del verde joven, los centenales peinados por el viento, o el oro vivo de las chorimas del tojo; a la luz radiante del verano, los viñedos y frutales plenos; en el invierno la geometría cubista de praderías y sembrados, pero sobre todo la maravillosa y exultante embriaguez de los mil tonos otoñales que no pudiera soñar la fantasía del Tintoreto. Guía de Monterrey, (Cinco edicións). Vigo,1968


Na Biblioteca:
XERARDO DASAIRAS VALSA
Xesús Taboada Chivite (Arqueólogo, historiador, etnógrafo e ensinante)
Ir Indo Edicións, Colección Galegos na Historia nº. 30. Vigo, 2006

5/9/07

Anda, pasa!

Marcapáxinas manuscrito de Teresa Moure para a Libraría Pedreira.
Texto.

2/9/07

Setembro, a vida en curso

Este é o modelo esquemático do ciclo de vida profesional dos profesores de ensino secundario, segundo Michaël Huberman. Feliz curso para todos. Para os que comecen en prácticas e para os que se retiren con xúbilo, pero especialmente para os que anden pola etapa do cuestionamento. Disque son máis os motivados e dinámicos, “os que están en condicións de lanzar o ataque ás aberracións do sistema”. Vémonos na biblioteca.