28/3/08

Para rir a esgalla

Ideas de bombeiro

Autor/es: Martín, Andreu
Editorial: Rodeira 2000
Localización: 821 X/MAR/ide


Gustoume moito este libro porque é moi diferente ó resto dos que teño lido. O xeito de contar a historia é un tanto peculiar, ó igual que a forma de ordenar os capítulos. Mellor dito, están totalmente desordenados. Podes ler o libro mantendo a numeración dos capítulos ou léndoo todo seguido. Deste último xeito é como o lin eu, e podo asegurar que me dei conta de todo o que pasaba… os capítulos non parecían cambiados de sitio!!! Non probei a lelo da outra forma, pero seguro que ha de ter un pequeno truco para que ó final, das dúas maneiras, un sexa capaz de comprender o texto.
Outra peculiaridade é que nel non só hai un narrador. Aquí hai uns rapaces, Carme e Guillerme, que van contando a historia entre os dous, transmitíndonos cadansúas vivencias.
Recoméndollelo ós rapaces da miña idade. Fala dun secuestro, pero no medio tamén aparece unha historia de amor. Ten unas expresións e unhas anécdotas moi graciosas que máis dunha vez me fixeron rir a esgalla.
LAURA P. (3º. ESO)

27/3/08

Día do Teatro: contacontos na biblioteca

27 de marzo, Día Mundial do Teatro 2008
Mensaxe Internacional por Robert Lepage, home de teatro.

Existen varias hipóteses sobre as orixes do teatro, pero a máis estimulante ten a forma dunha fábula:

Unha noite, en tempo inmemorial, un grupo de homes reuníronse nunha canteira para quentarse e contarse historias ao redor do lume. De súpeto, un eles tivo a idea de levantarse e utilizar a súa sombra para ilustrar o relato. Ao axudarse coa luz das chamas, fixo patentes sobre as paredes da cova a uns personaxes meirandes ca os reais. Os outros espectadores, abraiados, recoñeceron nas sombras ao poderoso e ao débil, ao opresor e ao oprimido, ao deus e ao mortal.

Hoxe en día, a luz dos proxectores substitúe a fogueira inicial e a maquinaria de escena, ás paredes da caverna. E con todo respecto a algúns puristas, esta fábula lémbranos que a tecnoloxía está na orixe do teatro e que non debe percibirse como unha ameaza, senón máis ben como un elemento enriquecedor.
A supervivencia da arte teatral depende da súa capacidade para reinventarse integrando novas ferramentas e novas linguas. Se non, como o teatro podería seguir sendo a testemuña de todas as grandezas e do que está en xogo no seu tempo e, ao mesmo tempo, promover o acordo entre os pobos, se el mesmo non demostrase apertura? Como podería gabarse de ofrecer solucións aos problemas da intolerancia, a exclusión e o racismo, se, na súa práctica propia, se negase a toda mestizaxe e a toda integración?

Para representar ao mundo en toda a súa complexidade, o artista debe propor formas e ideas novas, confiando na intelixencia do espectador, que é capaz así mesmo de distinguir a silueta da humanidade dentro do perpetuo xogo de luces e sombras. É certo que de tanto xogar co lume, o home corre o risco de se queimar, pero non é menos certo que deste xeito mantén a esperanza de engaiolar e iluminar.

Robert Lepage, Quebec, 17 de febreiro de 2008
***
No Día do Teatro iluminarán as paredes da biblioteca os contacontos Charo Pita e Tim Bowley cos seus relatos en galego e inglés.

26/3/08

Historia da CDU

No blogue O Cantinho da activa Biblioteca Escolar EB1/JI de Ponte do Sor atopamos este vídeo coa "História da CDU contada a crianças":


Se non abre correctamente, proba http://videos.sapo.pt/LWGLFhiSgkQLhffAzUe3

Achas algunha diferenza coa clasificación empregada na nosa biblioteca?

Via Bibliotequices

15/3/08

Día da Prensa

Estamos seguros de que en calquera hora lectiva do curso e en calquera centro educativo un estudante pasa as follas dun xornal ou un profesor reparte fotocopias de novas ou artigos. Se así non fose, deberiamos preocuparnos. En calquera aula e en calquera materia, aínda que sexa un só alumno e un só profesor. O que non é normal é que todo un centro de douscentos alumnos se poña de acordo para saír á mesma hora das aulas á procura da información. A actividade de busca de datos nas diversas seccións dun xornal repartidas por todo o instituto, para o cal tiñan que orientarse cun plano, coidamos que foi satisfactoria. Grazas a todos por axudar de parte do Grupo de Traballo da biblioteca.

13/3/08

Visita Bousés

Bousés pertence ó concello de Oímbra, a menos dun quilómetro de Portugal. Somos máis de cen habitantes en boa veciñanza. É un lugar tradicional e á súa vez moderno. Tan modernos somos que ata temos páxina web. Atoparala no seguinte enderezo:
http://usuarios.lycos.es/bouses/indexo.htm
Nela poderás observar a imaxes das festas do pobo, do equipo de fútbol, a matanza, a igrexa… Tamén conta cun chat e un libro de visita.
A idea de facer a páxina foi de Jesús. Un saudo para el e para os bousesáns do mundo. Grazas pola vosa visita esta Semana Santa.

Foto aérea de google earth

ISMAEL PALANCA TORO

11/3/08

Unha historia de urcos

O tesouro da lagoa de Reid'Is
AUTOR: AGUSTÍN AGRA
ILUSTRACIÓNS: ANDRÉS MEIXIDE
Xerais (Col. Merlín), Premio Merlín de Literatura Infantil 2006.

Reseña editorial

Trata da historia dun neno que vai pasar o verán a Viladomar, o lugar dos seus avós. Alí coñece a súa curmá, Aldara, que vive noutro país, e pasan todo o verán xogando e gozando na praia. Como mellor o pasan é escoitando as historias do seu avó. Sobre todo gústalles unha na que o ancián lles vai contando pouco a pouco e que incluso lle leva todo o verán.
O avó é un aventureiro que tivo unha gran aventura cando era novo, relacionada co seu pai, o bisavó dos nenos.
Cando era o avó novo, botáronlle un mal de ollo ao seu pai, e tivo unha doenza incurable. Fartaron de ir a médicos e curandeiros, pero nada. O avó dos nenos acabou indo onda un mestre da menciña, que lle dá o remedio necesario. Dille que ten que ir a buscar un tesouro a un lago custodiado por uns monstros chamados urcos. No fondo do lago había unha cidade que se inundou. Ó final, o avó aproveitando un despiste… Pero non esperes que cho conte, lea ti.

Na biblioteca: 821 /AGR / tes
Ismael G.F.

6/3/08

Letra a letra

Vía Nosololibros