Dionysos e Ampelos polo tempo do viño novo
Polo tempo do San Martiño adoitaba facerse tradicionalmente a primeira proba do viño novo. Por iso tamén queremos ofrecer hoxe a explicación dunha das imaxes da nosa cabeceira, e que algo ten que ver con esta conversión do mosto en viño.
Trátase da escultura de Dionysos e Ampelos, unha das pezas máis salientables da plástica romana en Galicia. Está datada no século III d.C. O mármore en que está realizada sufriu as agresións do tempo que pasou soterrada ata que foi descuberta no ano 1964 no seu emprazamento orixinal: na Muradella de Mourazos (Verín), a tan só uns cinco quilómetros deste instituto. Na actualidade consérvase no Museo Arqueolóxico de Ourense que, ademais das imaxes, ofrécenos o comentario artístico (Peza do mes).
Tratáse de duas figuras masculinas espidas. A pequena é Ampelos ao que vemos termar do bébedo Dionisos. Esta é historia dese mozo que coa súa tráxica morte ensinou a chorar ao deus das festas e o desenfreo.
Os dous eran amantes inseparables ata que un touro, tal e como lle fora revelado a Dionisos nun soño, matou a Ampelos. O deus só chegou a tempo de ver como o sangue verquido tinguía as flores brancas que rodeaban o corpo sen vida e as convertía en papoulas. Pero tamén nese lugar, por intervención das Moiras, foille concedida unha segunda vida. O mozo morto converteuse en vide e nos seus froitos conserva a cor das súas antigas meixelas. Dionisos comeu destes bagos e ao momento non puido evitar as bágoas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario