1/3/10

O testamento ou sermón do entroido

Escríbenos Paco de Matamá sobre o Testamento do Burro de Laza, unha das máis salientables mostras de literatura popular de carácter satírico que se coñecen en Galicia. O noso compañeiro conserva unha interesante colección, iniciada hai xa corenta anos, con exemplares do ano 1936.





“Co permiso do abade,
do cabo e do Axuntamento,
hoxe que é martes de entroido
vouvos ler o Testamento”.
(Testamento de 1968)



Cada martes de entroido, logo da posta do sol, sobe cara á Picota a comitiva do Testamenteiro que lerá o Testamento ou Sermón como cada ano.

O testamento é unha auto sátira social feita en verso na que se critican feitos ocorridos na zona dende o último testamento. Vén a ser como a conciencia colectiva que en público e en verso, a xeito de confesión para a catarse, fai o testamenteiro que deste xeito repasa, advirte e amoesta para acadar a remisión das penas dos veciños culpables das condutas afeadas.

“Ós que olvidan o galego,
Por vir dunha capital
Doulles a lingua do burro
Para que o aprendan a falar."
(Testamento 1968)

“Para o meu pai o pigureiro,
Que dicen os tratantes
Que é medio trapalleiro."
(Testamento 1986)

Deste xeito, o testamenteiro vai dando parte da vida e morte do burro que logo vai repartir entre os deudos da bisbarra. Os distintos anacos do animal son distribuídos no reparto entre veciños e institucións cunha dedicatoria, así como a explicación práctica do adxudicado.

“O aire heillo de dar,
Sin discusión ó carteiro,
Que agora déronlle un pito
Para repartir o correo
E trae ós viciños tolos
Co demo do pitorreo…
…Para que vos deixe durmir
Eu xa llo teño dito:
--¡Chama a xente polo nome
E non lle tóque-lo pito!”
(Testamento 1969)

Ninguén se debe anoxar por ser aludido no Testamento, aínda que o fagan polo mote. É máis ben unha honra que se acorden dun en tan solemne momento.

“E se algún se molestou,
Mandámolo pró carallo,
Que estas cousas do entroido
Hai que oílas con agrado.”

(Testamento de 1968)

“Xa non quedan máis anacos
Está repartido o animal
Se me metín con alguén
Que non lle pareza mal."
(Testamento 1998)

Nos últimos testamentos aparecen ritmos de moda con letras adaptadas ó testamento. Remata invitando a todos a despedir o entroido:

“Subirá o testamenteiro
Montado no alto do burro,
E ó carón os piliqueiros
Coas caretas de luto”.

(Testamento 2001)

“Homes, mulleres e nenos,
Fagamos tremer a praza,
Berremos todos a un tempo:
VIVA O ENTROIDO DE LAZA!!!

(Testamento 2000)

Dopa, o actual testamenteiro

No hay comentarios: