Mans na obra
Aínda que o blog permanece parado durante este mes, nunca tanta actividade houbo na biblioteca. No Día das Bibliotecas Escolares, e primeiro día no que por fin chove en Verín, facemos memoria do mes aínda non rematado:
Entrega de carnés. Todos os alumnos e alumnas recibiron o seu carné nunha visita pola biblioteca para coñecer as normas de funcionamento, o servizo de préstamo e algo da CDU e os rótulos dos libros.
Formación de usuarios. Aprendemos a recoñecer as partes do libro e citarmos correctamente a bibliografía. Todo iso acompañado de actividades como o preparativo do Samaín que celebraremos a vindeira semana. Grazas a Dori, a fichaxe estrela que necesitabamos no Equipo da Biblioteca.
Un mundo no Baronceli. Somos unha comunidade escolar pequena, de apenas douscentos alumnos, pero máis variada do que a primeira vista puidera parecer. Intentamos demostralo o pasado día quince e reunimos na biblioteca acentos de Alemaña, Inglaterra, Brasil. Xunto cos compañeiros que este verán participaron nas bolsas de aprendizaxe de ingles e francés en Gales e Francia, respectivamente.
Grazas a Manuela, Maikel, Jenni, Pablo, Ione e Nayara. Podedes ver as fotos na galería da páxina do instituto.
Grupo de Traballo. Quedou oficialmente constituído o GT para a posta en funcionamento do Proxecto Lector, dinamización cultural do centro, xestión bibliotecaria, remate da catalogación dos fondos existentes no centro e proposta de mellora xeral da biblioteca. Somos Agustina, Clemen, Rosa, Isabel, Miguel, Fariñas, Dori, Paco, Carme e Serafín.
E ademais, hoxe recibimos a visita dos inspectores que inauguraron os Folios de Ouro da Biblioteca.
No hay comentarios:
Publicar un comentario