De esmorga con Sarabela
Escribo aínda coas emocións vivas da versión teatral d’A Esmorga, a cargo do grupo Sarabela, á que asistín esta mañá xunto con 600 alumnos e os seus profesores no Auditorio de Ourense. Unha aposta atrevida: encerrarse con tantos adolescentes, a escuras, durante hora e media, sen descanso, e ser capaces de comunicar a mensaxe dramática da obra, que en por si ten moita forza e atrevemento. Non é reto pequeno do que cómpre recoñecermos que saíron con nota alta.
A posta en escena, coa dirección de Ánxeles Cuña e o traballo dos actores, realiza unha adaptación fiel da novela orixinal botando man dos recursos teatrais precisos. Agora poderemos falar nas aulas, por exemplo, do monólogo, do flashback, do Coro na traxedia clásica…
Mesmo na parte lingüística foron capaces de manter as peculiaridades do galego escrito de Blanco Amor, baseado principalmente no dialecto ourensán. Non escoitei aos rapaces a queixa común de non entender ese galego que aos lectores case sempre nos resulta complicado nos clásicos da literatura galega.
Nin Blanco Amor nin a versión teatral de Sarabela aforran un elemento esencial para caracterizar aos personaxes que é a violencia verbal con que se conducen. Pero tamén queda claro que a principal violencia lingüística cométena contra os protagonistas, en especial contra Cibrán, as clases poderosas representadas nun xuíz que sabemos cómo fala sen escoitarlle nunca unha palabra.
O non poder renunciar á súa lingua malia saber que iso mesmo é un argumento co que te marxinan e golpean; chegar a recoñecer a fala como unha bandeira de clase, das clases populares, abocadas á delincuencia e a violencia como se vai autoexplicando Cibrán ao longo da obra é tamén unha lección de sociolingüística d´A Esmorga.
Por iso non fomos ver unha simple "parranda", un suceso anecdótico de tres pándigos que remata na morte dos tres. Quizais hoxe gañara centos de lectores para o futuro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario