27/10/09

Unha clase diferente con ANXO FARIÑA


Comezou o curso e ofrecéronnos a posibilidade de ler o libro dos Megatoxos, de Anxo Fariña. Teño que recoñecer que de entrada, a idea non me fixo moita ilusión porque cando lin o libro non o vin como candidato para ler na clase de primeiro.
Equivoqueime. En canto empezamos a ler na clase os rapaces e rapazas mostrararon interese por el. Faísca, Lúa, Ninfa e Ruxe, os protagonistas da historia, son simpáticos e con eles metémonos no libro para poder buscar “O Toxo” que lles axudaría a resolver o seu problema.
A historia enganchounos. Sabían que ía vir o autor cando rematasen de lelo e estaban moi pendentes de que nos dese tempo de rematalo.
Chegou o día: 22 de outubro. Á hora prevista fomos á biblioteca. Alí estaba o autor.
-Que novo é-dixo unha das alumnas.
Si, é novo, pero soubo engaiolar aos rapaces coas súas palabras e as súas explicacións. Sobre todo, animounos a que lean e que escriban. Gustoume a forma como lles facía ver aos rapaces que calquera deles pode escribir historias se se propón facelo; que basta con empezar e deixar voar a imaxinación. Se queres, podes, só hai que intentalo. Deixou tamén moi claro que para ser un bo escritor hai que ser lector. El leu, investigou e logo escribiu.
Moi ben, Anxo. Aportaches un granciño no noso intento de crear entre o noso alumnado novos lectores e escritores. E xa non digamos o de debuxar. Aí alucinamos. Un punto. A partires dun punto creamos un deduxo e unha historia. Pide un voluntario e sae Israel; obsérvao de arriba a abaixo e nun abrir e pechar de ollos e con catro trazos debuxa un rapaz, un rapaz cuspidiño a Israel.
Oh!!! Exclamamos abraiados. Este Anxo é realmente un artista. O de que todos podemos chegar a ser debuxantes xa… , pero intentarémolo, por suposto.
Dende logo que a clase foi interesante. E grazas, Anxo, porque co que nos subiches a moral que se preparen os escritores que lles vai saír competencia porque nos imos poñer sen demora a escribir historias.

No hay comentarios: