30/11/09

Congreso en Barcelona


A semana pasada tivemos a sorte de viaxar a Barcelona para formar parte da delegación galega invitada ao primeiro Congreso sobre o éxito educativo e a autonomía de centros. Ademais de asistirmos ás conferencias inauguradas polo ministro Ángel Gabilondo e mais o conseller Ernest Maragall, tivemos a oportunidade de achegarnos á realidade educativa de Cataluña e intercambiar opinións con docentes de todo o estado.

Falouse de éxito educativo en termos de eficacia (conseguir os obxectivos), eficiencia (facer máis cos recursos dispoñibles), equidade (garantir a igualdade de oportunidades) e excelencia (buscar a calidade). Concluíuse que a autonomía dos centros, a capacidade de decidir alí onde se presta o servizo, é un instrumento útil e poderoso para mellorar os resultados educativos. Porén, só se trata dun instrumento que debe contar co apoio dos docentes porque a autonomía exércese, non se impón. E a outra condición obrigatoria, repetida unha e outra, é a necesidade de fortes mecanismos de control: avaliación externa e rendición de contas.

A parte práctica foi a presentación do modelo catalán do Proxecto de Autonomía de Centros (PAC) aos que desde o 2005 dedican un importante esforzo en formación dos equipos directivos, acompañamento individual e dos equipos docentes, fomento do traballo en rede e recursos adicionais procedentes do PROA. Os proxectos sempre rematan en avaliación e rendición de contas diante da administración.
Nós vistamos o IES Torre Roja, en Viladecans, dentro dun taller dedicado á convivencia escolar.

Non resulta doado resumir os tres intensos días de conversas iniciadas no Palau de Congressos de Catalunya e continuadas polas rúas da capital condal. Entre as moitas afirmacións e reflexións escoitadas podemos salientar as seguintes:
  • O sistema educativo español é moi ríxido, excesivamente centrado na obtención dun título, sen outros mecanismos de certificación dos estudos acadados que permitan a continuidade académica ou integración laboral. Para o alumnado sen titulación apenas existen posibilidades que eviten o abandono. O froito témolo na actualidade coa denominada Xeración NI-NI (nin estudos, nin traballo). E seguimos a falar de fracaso escolar, non de fracaso educativo. 
  • O reto da UE para o 2020 é reducir o abandono temperá ao dez por cento. Por outra banda, para esas datas deberemos acadar o éxito na ESO nunha porcentaxe maior ou igual ao 95 por cento e nos estudos post-obrigatorios, ao 90 por cento. 
  • Malia estarmos convencidos do contrario, a educación no estado español segue a ser un sistema centralizado. A transferencia completa das competencias educativas ás comunidades autónomas, refírese principalmente a aspectos de xestión administrativa. E aínda queda por abordar a “devolución” de competencias aos centros. A comparación dos resultados internacionais demostra que os sistemas que priman esta autonomía obteñen mellores resultados, pero tamén avisa de que son necesarias medidas de equidade e de control (avaliación).  
  • Equidade + Calidade = Excelencia.
  • Investir máis cartos non garante mellores resultados, pero axuda,
  • “Lo que no se evalúa, se devalúa”. No futuro as avaliacións externas e os procesos de rendición de contas serán imprescindibles. Daquela, que lugar ocuparán os servizos de inspección? A simple mención nunha quenda de preguntas á necesidade de modernización do corpo de inspectores herdado do século XIX arrincou un sonora ovación.
  • Os centros poden buscar e reforzar os seus sinais de identidade. “Desenvolvede a vosa lexítima diferenza”, citou o ministro.
  • Os equipos directivos exercerán un liderado distribuído.
  • En clave galega, regresamos co convencemento de que entre nós tamén se están a levar a cabo proxectos de mellora interesantes en materia de innovación, convivencia, bibliotecas, atención á diversidade, TIC… Falta quizais un plan estratéxico e saber vender, no bo sentido da palabra, o que facemos.
  • E para rematar, tamén debemos transmitir a mensaxe de optimismo no labor docente co cal saímos o último día. “O optimismo é a opción gañadora”.

No hay comentarios: