Cando Hitler roubou o coello rosa
JUDITH KERR
Tradución ao galego de Mª. Carme Ares
Ilustracións da autora
Alfaguara, Madrid, 1990
ISBN 84-204-5059-6
Algúns lectores infantís séntense un tanto enganados co título da famosa obra autobiográfica de Judith Kerr. Quixeran que lles contaran máis cousas do coello rosa que a protagonista Anna abandona en Berlín, de onde a súa familia de orixe xudía foxe durante o ascenso do partido nazi nas eleccións do 1933. Pero o coello rosa non volve aparecer en todo o resto do relato. Esa infancia de peluxe é precisamente o que lle rouban a esta nena Anna, máis afortunada nisto que a súa tocaia Anna Frank.
A realidade impónse ás veces de forma tan cruel coma neste caso en que Anna escoita por riba do libro que ten entre as mans a conversa entre a súa nai e a súa avoa (Omamá). Sen embargo, pesar do fuxida de Alemaña, do refuxio primeiro en Zurich e logo en París para rematar en Londres, coas penurias económicas e dificultades idiomáticas, Anna considera ao final que a súa non foi unha "infancia difícil". Por que? A resposta tamén está no libro.
Anna púxose a ler, pero o libro non era demasiado interesante e filtrábanse continuamente ata ela anaquiños da conversa.
(...)
A un famoso catedrático detivérano e enviárono a un campo de concentración. (...) Os nazis encadeárano a unha canceira. Vaia parvada, pensou Anna, mentres Omamá seguía a falar cada vez máis excitada. A canceira estaba na entrada do campo de concentración, e cada vez que alguén entraba ou saía o catedrático famoso tiña que ladrar. Para comer dábanlle sobras nun pratiño de can e non lle deixaban que as tocara coas mans.
Anna notou de súpeto que se mareaba.
Pola noite o catedrático famoso tiña que durmir na canceira. A cadea era moi curta, polo que nunca se podía poñer de pé. Ó cabo de dous meses --¡dous meses...!, pensou Anna--, o catedrático famoso volvérase tolo. Seguía encadeado á canceira e tendo que ladrar, mais non se decataba do que facía.
De golpe foi coma se un muro negro se alzase ante os ollos de Anna. Non podía respirar. Agarrou fortemente o libro que tiña diante, facendo que lía. Querería non ter oído o que Omamá dixera, quitalo de enriba, vomitar.
Mamá debeu notar algo, porque houbo un súbito silencio e Anna sentiu que mamá estaba mirando. Fixou a vista intensamente no seu libro e volveu a páxina adrede coma se estivese enfrascada na lectura.
No hay comentarios:
Publicar un comentario