Encher o pazo de ideas
O Pazo Baleiro
XABIER P. DOCAMPO
Ilustracións de XOSÉ COBAS
Xerais, Col. Sopa de Libros nº.2, Vigo, 2002 [1ª. 1997]
ISBN 84-8302-748-8
A partir de 12 anos
Agora andaba a voltas cun libro que lle dera seu tío para ler, era "Alicia no País das Marabillas" de Lewis Carroll, porque Delio sempre teimaba que había que ler cousas que che fagan pensar. "Se cada libro non che resulta un chisquiño máis esixente có anterior, entón non avanzas nada", dicía.
Teima con razón Docampo en foros e entrevistas na necesidade da lectura reflexiva. Tamén no comezo da novela O Pazo Baleiro advirte por boca do principal protagonista adulto, o tío Delio, de cómo ler. Ademais da resolución do misterio e do enigma do reloxo, que en si mesmo é un poderoso símbolo sobre o que reflexionar, a ficha de lectura da obra ofrece os seguintes temas:
- Respecto pola diferenza e a maneira de vivir de cada un.
- Aprendizaxe e escola.
- Importancia dos valores como a lealtade e a busca da verdade.
- Convivencia e traballo en equipo.
- Incomprensión e incomunicación coas figuras paternas.
- A influencia negativa do uso excesivo da televisión.
- Fomento da independencia para afrontar os problemas.
- O valor das cousas herdadas do pasado.
- Os froitos do traballo en equipo.
E aínda poderiamos engadir aspectos como a análise do comportamento humano, neste caso a cobiza e as súas consecuencias e a utilización da mentira, para encher de ideas e experiencias ese pazo baleiro contado xenerosamente por Docampo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario