Inapreixable Pepa A Loba
Pepa A Loba
CARLOS G. REIGOSA
Ilustracións de MIGUELANXO PRADO
Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 2006
ISBN 84-9782-466-0
Presentación editorial
Entrevista co autor
Desde a ilustración de portada e interiores, da primeira á derradeira páxina, escritor e ilustrador insiste en avisar ao lector de que isto é unha novela. Ficción polo tanto. Unha novela de amor na que podemos confundir se nos peta, pero xa sobre aviso, a personaxe coa pouca materia real que parece quedar da muller ou, mellor aínda, das mulleres que levaron o nome de Pepa a Loba como bandoleiras ao longo do século XIX.
A maioría dos lectores non atoparán a Pepa Loba nin como muller nin como bandoleira que se imaxinan. Outros non se convencerán coas improbables relacións amorosas así presentadas. Aos que busquen novela histórica faltaralles moita ambientación decimonónica... Pero non trata de enganarnos, existe unha ficción de amor entre escenas de aventura e remata cun Epílogo-Posdata, para min o mellor, que nos devolve á realidade. Ou non.
¿Historia? ¿Lenda? Se cadra sempre houbo -e hai- unha Loba rebelde e irmandiña na nosa terra. Porque é ben certo que cando unha lenda engarabita polas pernas da historia, ambas as dúas -Historia e Lenda- acaban por fundirse para sempre, irremediablemente. Talvez é iso o que pasou, e o que está a pasar aínda hoxe. Así que... anden con moito coidado. Non é imposible que se atopen con ela. Con calquera delas. Porque aquí so se contou a lendahistoria da María Xosefa das sete letras no primeiro apelido e tres no segundo. Isto é, a invención de María Xosefa Esmorís Gay, nacida en 1833 no norte da Estrada (Pontevedra), onde o río Vea se desauga no Ulla. ¿Seguro? Non esquezan que esta é unha novela... que termina aquí. A Loba, en cambio, segue cabalgando libre, inapreixable, no imaxinario popular.
No hay comentarios:
Publicar un comentario