20/4/10

Universo Carballeira


Chovía o venres 16 no patio do castro de Baronceli, non alustraba nin tronaba nin relampaba nin lostregaba... pero chovía, e polas nosas costas corría unha formiga de frío. Escoitabamos contar a Paula Carballeira, e contounos moito: contounos da súa vida, dos seus libros, da súas afeccións dos seus gustos cinematográficos e literarios... e contounos contos ... de medo. Pero non vaiades a pensar que estabamos serios e cariacontecidos, non, rimos ata caer das cadeiras.

Falounos do Lobishome de Candeán (libro de lectura de terceiro), contounos como xurdiu a idea do libro, ilustrounos sobre a temática do “lobishome” (temática moi socorrida na tradición oral galega), e respostou ás nosas preguntas sobre o libro e sobre canto quixemos preguntarlle.

Pero amigos e amigas, despois, na segunda sesión, contounos contos e aí estivo o bo, revivimos a nosa infancia, cando os maiores nos contaban contos para durmir e sempre pediamos: “por favor, só outro”. Rememoramos o sabor da intriga, a unidade de efecto e a esencialidade do remate que dicía Dieste. Mastigamos cada unha das súas palabras nun tempo que nos pareceu curto. Os mortos misturáronse cos vivos, escoitamos contos de medo tradicionais e contos de medo xaponeses.

Como xa dixen a choiva repicaba nos vidros e polas nosas costas derrapaba unha formiga fría levando unha carguiña de medo, pero rimos moito. O riso e a gargallada servíronnos de camiño para navegar polo Universo Carballeira.
Beni
Máis fotos na Galería

2 comentarios:

Martiño dijo...

Tedes un pequeno agasallo en www.friolteca.blogspot.com

alba_92 dijo...

Somos as alumnas de 4ºDIV, gustounos moito o texto e tamén os contos que nos contou Paula Carballeira.A verdade é que nos fixo recordar unha parte da nosa infancia que case estaba esquecida.
En canto ó seu labor como actriz chamounos a atención os seus fermosos ollos (azuis e expresivos) e o dominio da voz (por non decir berros)he,he...
Despedimonos cunha forte aperta.