21/12/09

Firmin, unhas impresións.


Ante todo unha homenaxe á literatura. Firmin é unha rata alternativa: ten pretensións literarias, le a diario o Globe, reconfortándose na fumeante cunca de café de Norman, admira a Novokov, sinte reverencia pola baixada aos infernos de Marlow no río Congo, compara o sórdido mundo no que habita co que destila a literatura de Dickens, admira a Dostoieski e, sobre todo, aspira a crear gran literatura para o cal só lle falta unha primeira frase, un comezo tan brillante como o Madox Ford no "Bo soldado": “esta é a historia mais triste que xamais ouvira ...”. En realidade, conformaríase co delicado inicio de Lolita: “ Lolita, luz da miña vida, fogo das miñas entrañas".

Ford Madox Ford, un dos “Grandes” no Canon literario de Firmin, ou de Savage? Non o coñezo, abruado pola ignorancia acudo á sabedoría contemporánea, Google: escritor inglés, vive a cabalo entre o XIX e o XX, poeta, crítico, editor.... Vasos comunicantes: un libro case sempre leva a outro, busco esa obra, creo no gusto literario de Firmin, Tanco non a ten, Miguel tampouco, descatalogada. Por fin dou con ela na Biblioteca da rúa Concejo; xa vos contarei o resultado.

Pero volvendo a Firmin, espléndidos actores secundarios. A vida de Firmin xira arredor de dous perdedores: Norman, o dono da libraría na que habita Firmin, e Jerri, o bo samaritano que a vai afillar e iniciar no mundo da comida-lixo e do jazz (Charlie Parker, por suposto, outro perdedor). Como Firmin, son escritores frustrados, teñen vidas prosaicas, solitarias, son lobos esteparios (Hess non está no Canon) e non lles molesta en exceso a sucidade, pero comparten a sublimación do libro.

Firmin é mitómano, Ginger Rogers e Fred Astaire. Pornógrafo, as belinas berlusconianas do Rialto. Iconoclasta, non soporta a Mickey, por brando, por sensibleiro. Sensible. Tenro. E, sobre todo, un incomprendido.
Voraz lector, le a Franz Joseph Gall e é capaz de facer un estudo frenolóxico do cranio de Norman. Brillante.

Nin a nai, sempre borracha, nin os irmáns, egoístas, nin o pai, ausente, conforman unha infancia feliz (de novo Dickens).
Todo o libro resulta un monólogo interior que contribúe a hiperbolizar a sensación de desacougo que a súa lectura provoca. O contexto contribúe a enfatizar ese desasosego: a abigarrada praza, o horror vacui da labraría de Norman, o apartamento (cortello?) de Jerri, o cochambroso cinema Rialto; escenario entre fantasmagórico e putrefacto, pero que ten algo: encanto, romanticismo, a cidade antes da especulación, os espazos con vida de seu...

A fisionomía de Firmin, rata moi pouco agraciada, patas pequenas, ventre prominente, cranio malformado, tampouco axuda a deleitarse co que poderiamos chamar elementos estéticos da obra. Pero se deixamos a estética para o puramente epidérmico e buscamos outro tipo de valores, o libro afonda en sentimentos universais: a fidelidade (Norman, pese ao episodio do matarratos) a amizade (Jerri), o amor ideal (Ginger)...

En fin, creo que a miña postura está clara. Si disfrutei coa obra. Valoro a súa frescura, non me deixa indiferente, son cómplice de Firmin.

Un lector baronceliano.

3 comentarios:

BIBLOS dijo...

Firmin es un personaje entrañable del que disfruté enormemente hace ya cosa de un año. Una lectura muy muy recomendable. No os dejará indiferentes.

Bibliomanía dijo...

Cos nosos mellores desexos para o 2010!!!!

Na procura de aquelas lecturas que como Firmin non nos deixen indiferentes.

Apertas.

Serafín dijo...

Grazas polo texto, Xabier.
A verdade é que Firmin non deixa indiferente. Tamén me pareceu hilarante o seu intento de comunicarse cos humanos por medio da linguaxe de signos (Adeus, cremalleira; e, sobre todo, xenial o final da librería e o desenlace da novela.
Xa nos contarás de Ford Madox Ford.