28/2/07

Inapreixable Pepa A Loba

Pepa A Loba
CARLOS G. REIGOSA
Ilustracións de MIGUELANXO PRADO
Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 2006
ISBN 84-9782-466-0

Presentación editorial
Entrevista co autor

Desde a ilustración de portada e interiores, da primeira á derradeira páxina, escritor e ilustrador insiste en avisar ao lector de que isto é unha novela. Ficción polo tanto. Unha novela de amor na que podemos confundir se nos peta, pero xa sobre aviso, a personaxe coa pouca materia real que parece quedar da muller ou, mellor aínda, das mulleres que levaron o nome de Pepa a Loba como bandoleiras ao longo do século XIX.

A maioría dos lectores non atoparán a Pepa Loba nin como muller nin como bandoleira que se imaxinan. Outros non se convencerán coas improbables relacións amorosas así presentadas. Aos que busquen novela histórica faltaralles moita ambientación decimonónica... Pero non trata de enganarnos, existe unha ficción de amor entre escenas de aventura e remata cun Epílogo-Posdata, para min o mellor, que nos devolve á realidade. Ou non.

¿Historia? ¿Lenda? Se cadra sempre houbo -e hai- unha Loba rebelde e irmandiña na nosa terra. Porque é ben certo que cando unha lenda engarabita polas pernas da historia, ambas as dúas -Historia e Lenda- acaban por fundirse para sempre, irremediablemente. Talvez é iso o que pasou, e o que está a pasar aínda hoxe. Así que... anden con moito coidado. Non é imposible que se atopen con ela. Con calquera delas. Porque aquí so se contou a lendahistoria da María Xosefa das sete letras no primeiro apelido e tres no segundo. Isto é, a invención de María Xosefa Esmorís Gay, nacida en 1833 no norte da Estrada (Pontevedra), onde o río Vea se desauga no Ulla. ¿Seguro? Non esquezan que esta é unha novela... que termina aquí. A Loba, en cambio, segue cabalgando libre, inapreixable, no imaxinario popular.

21/2/07

Canción da liberdade

Capitães da Areia
JORGE AMADO

Publicaçoes Dom Quixote

Capitanes de la Arena
Muchik. El Aleph editores



Fundación
Casa de Jorge Amado


Entre as lecturas que deixan pegada na mocidade está esta obra publicada por primeira vez hai xa setenta anos por un mozo daquela Jorge Amado. Capitães da Areia pertence á estirpe dos libros prohibidos no seu tempo e queimados na praza pública. Na actualidade debe de sobrepasar o centenar de edicións no Brasil e traducións en todo o mundo.

Hoxe segue impresionando este relato dos meninos-de-rua da cidade da Bahia na década dos anos 30, no que a violencia segue a ser por desgraza tan actual. Impresiona o sexo sen eufemismos que converte os protagonistas infantís en homes sen deixar de ser nenos. Impresionan asemade as mentiras dos xornais tan presentes na novela, a hipocrisía da xerarquía eclesiástica, a crueldade da policía e o castigo como única solución do reformatorio e orfanato. Impresiona o odio como único destino inevitable destes nenos abandonados que dormen baixo a lúa.

A novela ten un final propio para cada un dos protagonistas: Pedro Bala, líder revolucionario; o Profesor, pintor de éxito; Pirulito, misioneiro... Porque contra todo destino, está a canción da liberdade que Capitães da Areia nos ensina dolorosamente.

Destino
Ocuparam a mesa do canto. O Gato puxou o baralho. Mas nem Pedro Bala, nem João Grande, nem Professor, tampouco Boa-Vida se interessaram. Esperavam o Querido-de-Deus na Porta do Mar. As mesas estavam cheias. Muito tempo a Porta do Mar andara sem fregueses. A varíola nao deixava. Agora que ela tinha ido embora, os homens comentavam as mortes. Alguém falou no lazareto. É uma desgraça ser pobre, disse um marítimo.
Numa mesa pediram cachaça. Houve un movimento de copos no balcão. Um velho entao disse:
-Ninguém pode mudar o destino. É coisa feita lá em cima -apontava o céu.
Mas João de Adão falou de outra mesa:
-Um dia a gente muda o destino dos pobres...
Pedro Bala levantou a cabeça. Professor ouviu sorridente. Mas João Grande e Boa-Vida pareciam apoiar as palavras do velho, que repetiu:
-Ninguém pode mudar, nao. Está escrito lá em cima.
-Um dia a gente muda... -disse Pedro Bala, e todos olharam para o menino.
-Que é que tu sabe, frangote? -perguntou o velho.
-É filho do Loiro, fala a voz do pai -respondeu João de Adão olhando com respeito.
-O pai morreu pra mudar o destino da gente. Olhou para todos. O velho calou e também olhava com respeito. A confiança foi de novo chegando para todos. Lá fora um violão começou a tocar.

13/2/07

Cando Hitler roubou o coello rosa


Cando Hitler roubou o coello rosa
JUDITH KERR
Tradución ao galego de Mª. Carme Ares
Ilustracións da autora
Alfaguara, Madrid, 1990
ISBN 84-204-5059-6





Algúns lectores infantís séntense un tanto enganados co título da famosa obra autobiográfica de Judith Kerr. Quixeran que lles contaran máis cousas do coello rosa que a protagonista Anna abandona en Berlín, de onde a súa familia de orixe xudía foxe durante o ascenso do partido nazi nas eleccións do 1933. Pero o coello rosa non volve aparecer en todo o resto do relato. Esa infancia de peluxe é precisamente o que lle rouban a esta nena Anna, máis afortunada nisto que a súa tocaia Anna Frank.

A realidade impónse ás veces de forma tan cruel coma neste caso en que Anna escoita por riba do libro que ten entre as mans a conversa entre a súa nai e a súa avoa (Omamá). Sen embargo, pesar do fuxida de Alemaña, do refuxio primeiro en Zurich e logo en París para rematar en Londres, coas penurias económicas e dificultades idiomáticas, Anna considera ao final que a súa non foi unha "infancia difícil". Por que? A resposta tamén está no libro.


Anna púxose a ler, pero o libro non era demasiado interesante e filtrábanse continuamente ata ela anaquiños da conversa.
(...)
A un famoso catedrático detivérano e enviárono a un campo de concentración. (...) Os nazis encadeárano a unha canceira. Vaia parvada, pensou Anna, mentres Omamá seguía a falar cada vez máis excitada. A canceira estaba na entrada do campo de concentración, e cada vez que alguén entraba ou saía o catedrático famoso tiña que ladrar. Para comer dábanlle sobras nun pratiño de can e non lle deixaban que as tocara coas mans.

Anna notou de súpeto que se mareaba.

Pola noite o catedrático famoso tiña que durmir na canceira. A cadea era moi curta, polo que nunca se podía poñer de pé. Ó cabo de dous meses --¡dous meses...!, pensou Anna--, o catedrático famoso volvérase tolo. Seguía encadeado á canceira e tendo que ladrar, mais non se decataba do que facía.


De golpe foi coma se un muro negro se alzase ante os ollos de Anna. Non podía respirar. Agarrou fortemente o libro que tiña diante, facendo que lía. Querería non ter oído o que Omamá dixera, quitalo de enriba, vomitar.


Mamá debeu notar algo, porque houbo un súbito silencio e Anna sentiu que mamá estaba mirando. Fixou a vista intensamente no seu libro e volveu a páxina adrede coma se estivese enfrascada na lectura.

8/2/07

Encher o pazo de ideas

O Pazo Baleiro
XABIER P. DOCAMPO
Ilustracións de XOSÉ COBAS
Xerais, Col. Sopa de Libros nº.2, Vigo, 2002 [1ª. 1997]
ISBN 84-8302-748-8
A partir de 12 anos


Blog de Xabier Docampo
Autor e obra en especial rañolas (filix)
Proxecto de lectura (documento pdf)

Agora andaba a voltas cun libro que lle dera seu tío para ler, era "Alicia no País das Marabillas" de Lewis Carroll, porque Delio sempre teimaba que había que ler cousas que che fagan pensar. "Se cada libro non che resulta un chisquiño máis esixente có anterior, entón non avanzas nada", dicía.


Teima con razón Docampo en foros e entrevistas na necesidade da lectura reflexiva. Tamén no comezo da novela O Pazo Baleiro advirte por boca do principal protagonista adulto, o tío Delio, de cómo ler. Ademais da resolución do misterio e do enigma do reloxo, que en si mesmo é un poderoso símbolo sobre o que reflexionar, a ficha de lectura da obra ofrece os seguintes temas:


  • Respecto pola diferenza e a maneira de vivir de cada un.

  • Aprendizaxe e escola.

  • Importancia dos valores como a lealtade e a busca da verdade.

  • Convivencia e traballo en equipo.

  • Incomprensión e incomunicación coas figuras paternas.

  • A influencia negativa do uso excesivo da televisión.

  • Fomento da independencia para afrontar os problemas.

  • O valor das cousas herdadas do pasado.

  • Os froitos do traballo en equipo.

E aínda poderiamos engadir aspectos como a análise do comportamento humano, neste caso a cobiza e as súas consecuencias e a utilización da mentira, para encher de ideas e experiencias ese pazo baleiro contado xenerosamente por Docampo.

5/2/07

Portugalizar

Agora que se anuncia para o vindeiro curso a obrigatoriedade da segunda lingua estranxeira no primeiro ciclo da ESO, podería ser o momento da verdadeira introdución da lingua portuguesa no sistema educativo galego. Tamén do alemán, pero co portugués daríase resposta entre outras demandas á recomendación da UE que aconsella aos seus membros promover o estudo das linguas dos estados fronteirizos.

Ademais xa existe o profesorado. Os licenciados pola antiga Filoloxía galego-portuguesa ou das novas titulacións poderían reclamar para si a impartición destas horas, coa mellora da súa formación en cursos e bolsas de estancia no estranxeiro.

Para moitos profesores de Lingua e Literatura Galega suporía un reto profesional interesante. Permitiríanos mesmo unha renovación pedagóxica na nosa materia ao ter que adoptar enfoques máis abertos propios do ensino das linguas estranxeiras, menos centrados na lingua escrita e no estudo gramatical.

Por iso mesmo é conveniente ter a man libros coma este.

Portugalizar. Português para galegofalantes
ELISABETE PAIS DE JESUS RAMOS
Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 2006
ISBN 84-9782-473-3
Ficha e reseña editorial


A saia da Carolina (Portugal)
A saia da Carolina
tem um lagarto pintado.
Sim, Carolina, ó-í-ó-ái;
Sim, Carolina, ó-ai meu bem

Tem cuidado ó Carolina
que o lagarto dá ao rabo.
Sim, Carolina, ó-í-ó-ái;
Sim, Carolina, ó-ai meu bem.

A saia da Carolina
tem uma barra encarnada.
Tem cuidado ó Carolina,
nao fique a saia rasgada.
Sim, Carolina, ó-í-ó-ái;
Sim, Carolina, ó-ai meu bem

A saia da Carolina
foi lavada com sabao.
Tem cuidado, ó Carolina,
nao lhes deixes por a mao.
Sim, Carolina, ó-í-ó-ái;
Sim, Carolina, ó-ai meu bem

3/2/07

Primeiro incunable galego

Casualidades da historia converten o 3 de febreiro na data da morte de Gutenberg e o “nacemento” do primeiro libro en Galicia. O primeiro incunable galego coñecido ata o momento, o Misal Auriense, saíu dun prelo instalado no castelo de Monterrei no ano 1494. É dicir, máis de corenta anos despois do invento de Gutenberg e no final da datación dos incunables.

O importante é existencia dun prelo no val de Monterrei xa no século XV ao cargo dos impresores Gonzalo Rodríguez de la Passera e Juan de Porras. Por certo, non teñen ningunha rúa dedicada en Verín, pero cando en Chaves intentaron bautizar unha como Rúa Passera e Porras a xente protestou pola súa ambigüidade obscena en portugués.

Do Missale secundum usum Auriensis ecclesiae fixéronse dúas tiradas: unha en pergamiño, conservada na actualidade no Museo Catedralicio de Ourense; e outra en papel, na Biblioteca Nacional. A obra descríbese como libro en folio de 33 cm e 265 follas, editado a dúas columnas con letra gótica e inclúe a tipografía musical co pentagrama en tinta vermella. No castelo de Monterrei pode verse unha reprodución de onde tiramos a foto.